Thursday 02 de May de 2024

San Andrés vivirá unha xornada dinámica e de convivencia co peche ao tráfico rodado


O concello repetirá esta medida cada primeiro sábado de mes co fin de rescatar o pasado da rúa e ofrecer máis espazos públicos para o paseo e o lecer

San Andrés vivirá hoxe unha xornada dinámica e sen tráfico, en que a cidadanía desfrutará da oferta comercial dunha rúa que humanizará o Goberno local co fin de rescatar o seu pasado e ofrecer máis espazos públicos para o paseo e o lecer. A primeira tarde sen coches deparará as actuacións da coral polifónica El Eco e unha ruta en patíns organizada polo Club Galicia Rollers. Esta medida repetirase todos os sábados primeiros de mes, das 16.30 ás 20.30 horas, antes de que se someta a unha transformación a modo de bulevar, coa que potenciar a súa actividade e a presenza peonil con máis verde e novo mobiliario urbano.

Para esta peonalización temporal, colocouse sinalización vertical e valado que impedirá acceder en automóbil á zona. Ademais, axentes da Policía Local traballarán de forma continua nos puntos de acceso pola rúa Nova e do Pórtico de San Andrés á rúa San Andrés. Suprimiranse as prazas de aparcamento e os autobuses urbanos desviaranse para non entorpeceren na vía en que os locais comerciais e de hostalaría sairán á rúa cos seus produtos. Deste xeito, a veciñanza poderá coñecer a súa oferta sen necesidade de entrar nas tendas e entre todos os negocios crearán un ambiente festivo.

A coral realizará un “flashmob” pola rúa, coa interpretación de temas ás 18.30 horas, na Estreita de San Andrés con Torreiro; ás 19.00 horas, en San Andrés coa Igrexa Castrense e a rúa Hortas, e ás 19.30 horas, na praza de Santa Catalina.
Pola súa parte, o Club Galicia Rollers chegará desde O Ventorrillo nun paseo aberto á cidadanía. Para se inscribir na ruta, cómpre confirmar a través de https://www.galiciarollers.com/rutas-y-viajes-2/ xa que a capacidade é limitada polas esixencias do protocolo contra a Covid-19.
O concello pretende que esta rúa emblemática non supoña un lugar de paso, senón o centro de actividade e desfrute como o foi nas súas orixes.